As Eiroas, un estadio con bos precedentes para o Pontevedra

Pontevedra
28 de marzo 2025

Desde a estrea do estadio no ano 2001, o Pontevedra visitou o Bergantiños en catro ocasións, tres delas en Terceira División e unha máis en Segunda RFEF, nas que non coñece a derrota

Visita do Pontevedra ao Bergantiños nas Eiroas na tempada 14-15
Visita do Pontevedra ao Bergantiños nas Eiroas na tempada 14-15 / PontevedraViva

O Pontevedra Club de Fútbol prepárase para visitar este domingo 30 de marzo (17.00 horas) o campo dun dos equipos máis en forma actualmente da competición, un Bergantiños que encadea seis triunfos consecutivos que lle meteron de cheo na pelexa por entrar no play-off de ascenso.

O seu feudo, As Eiroas, é posiblemente a saída máis complicada das que lle restan aos granates, a última do curso a un céspede artificial.

Con todo, a pesar desa característica do estadio carballés, trátase dun campo de grato recordo para os pontevedreses.

Desde a súa estrea no ano 2001, será a quinta vez que o Pontevedra visite As Eiroas en competición oficial. Fíxoo antes tres veces na súa última etapa en Terceira División e unha máis en Segunda RFEF na campaña 21-22, e até a data nunca saíu derrotado.

Nas súas tres visitas en Terceira División os da Boa Vila conseguiron dúas vitorias por 0-2 (tempadas 12-13 e 14-15) e un empate sen goles (11-12), mentres que na 21-22 o resultado foi de 2-2, aínda que, iso si, aquel día os granates vencían por un claro 0-2 perdendo a súa vantaxe nos últimos minutos cun último gol xa en tempo de desconto.

De feito a última derrota do Pontevedra como visitante fronte ao Bergantiños data da tempada 87-88 na ida da segunda rolda da Copa do Rei (2-0), disputado no antigo Municipal de Carballo.

No que respecta á presente tempada, o Bergantiños pasa por ser o sétimo mellor equipo como local da competición, sumando 22 puntos con 6 triunfos, 4 empates e 4 derrotas.

Un desprazamento no que os de Yago Iglesias estarán moi ben acompañados, con polo menos 300 afeccionados que esgotaron as entradas enviadas ao club da Boa Vila e que encherán de cor granate un dos fondos das Eiroas.