As dúas caras do Pontevedra: un visitante temible e un local que necesita mellorar

Pontevedra
22 de novembro 2021

O conxunto granate confírmase como o mellor equipo a domicilio do grupo, sumando en cinco das súas seis saídas ata a data. Pola contra a materia pendente é agora conseguir que non voen máis puntos de Pasarón

Ángel Rodríguez, adestrador do Pontevedra CF
Ángel Rodríguez, adestrador do Pontevedra CF / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol asinou en Avilés un partido redondo, cunha goleada (0-3) que puido ser mesmo maior e deixando a súa portería a cero, materia na que mellorou notablemente desde o inicio do curso. Foi "un dos mellores posiblemente, aínda que espero que non sexa o mellor e o equipo siga crecendo", sinalou á súa conclusión Ángel Rodríguez.

O técnico mostrouse satisfeito polo "bo trato de balón, velocidade, intensidade e agresividade con e sen balón" que fixo que protagonizasen ao seu xuízo "un partido completo".

Tamén o recoñeceu o preparador asturiano, Chiqui de Paz, asegurando que "hoxe nos atopamos un señor equipo. Superounos totalmente durante todo o encontro".

Son unhas valoracións que se apoian nun dato rotundo, e é que os granates consolidáronse como o mellor visitante do Grupo I da Segunda RFEF, sumando 11 de 18 puntos posibles do mesmo xeito que Bergantiños e Leganés  B.

Das súas seis saídas, tres concluíron con triunfo (Marino, Segoviana e Avilés), dúas en empate (Móstoles e Bergantiños) e só una en derrota (Unión Adarve). E os números podían mesmo ser mellores se non voasen no desconto os triunfos que tiña na man nos seus primeiros partidos como visitante, cando Móstoles e Bergantiños empataron na prolongación.

Conseguido ser un equipo temible como visitante, agora a materia pendente pasa por conseguir a mesma sensación cando xoga no Estadio Municipal de  Pasarón, onde só sumaron ata a data 9 de 18 puntos posibles.

"O Pontevedra agora ten un partido na casa que ten que volver gañar, que ten que volver a enchufar á xente de Pasarón e que temos que facer que o equipo siga crecendo", sinalou en rolda de prensa Ángel Rodríguez pensando xa no derbi comarcal do próximo domingo (17.00 horas) fronte ao Arosa.

Do coliseo pontevedrés voaron xa máis puntos dos desexados. Aínda que só perdeu nunha ocasión (Leganés B), cedeu empates contra Compostela, Arenteiro e Navalcarnero, conseguindo dous triunfos fronte a Llanera e Coruxo, este último in extremis.

O mellor equipo como local polo momento é o líder Unión Adarve con seis de seis (18 puntos), mentres que o Navalcarnero gañou 5 encontros e empatou un (16 puntos) e o Langreo sumou 14 puntos. 

Mellorar esas estatísticas, defende desde hai semanas o preparador granate, antóllase como o camiño para seguir para conseguir pelexar por un primeiro posto que agora mesmo está a 7 puntos de distancia, co Pontevedra en segunda posición.