As dúas caras do Mensajero, un rival forte no seu estadio e vulnerable a domicilio

Pontevedra
19 de maio 2015

O partido de ida da eliminatoria polo ascenso en La Palma xa conta con horario confirmado, o próximo domingo 24 de maio ás 13:00 (hora galega) no Estadio Silvestre Carrillo

Equipo inicial do Mensajero nun partido da presente tempada
Equipo inicial do Mensajero nun partido da presente tempada /

O partido de ida polo ascenso entre Mensajero e Pontevedra en La Palma xa ten horario confirmado. Xogarase o próximo domingo 24 de maio no Estadio Silvestre Carrillo ás 13:00 da mañá (hora galega).

Os granates mentalízanse xa do que encontrarán en Canarias e tratan de solicitar informes dun rival que presentou dúas caras ben diferenciadas, unha como local e outra como visitante.

O Mensajero finalizou a liga con 71 puntos tras sumar un total de 20 vitorias, 11 empates e 7 derrotas, con 61 goles a favor e 35 en contra.

Deses triunfos 15 logrounos no seu estadio, onde só cedeu unha derrota ao longo da tempada (xornada 20 ante o Unión Sur Yaiza por 0-2) e tres empates.

Sen embargo o equipo adestrado por Miguel Cid baixa notablemente o seu rendemento como vivistante e só conseguiu gañar en cinco ocasións. Ademais empatou oito encontros e perdeu seis.

En cuestión de números destacan ademais as estadístias dos dous dianteiros do equipo, Yeray e Dani López, que suman 25 e 15 goles respectivamente no campionato ligueiro, ao que se suma un defensa como Iray con dez tantos e o gardameta Kilian, zamora do grupo canario.

No Pontevedra preocupan ademais as condicións que se encontrará o equipo granate no Silvestre Carrillo, un estadio con capacidade para 6.000 espectadores, de céspede artificial e dimiensiones modestas, ao que pode sumarse unha calor elevada sobre todo no tramo final do choque, dada a hora escollida para o partido.

Con todo dende a cidade de Lérez confían en lograr un bo resultado que permita xogarse o ascenso o 31 de maio en Pasarón.

Mensajero e Pontevedra enfrontáronse en 12 ocasións, cun balance de seis triunfos canarios, un empate e cinco vitorias galegas. A maioría de enfrontamentos producíronse na Segunda B, pero dáse a casualidade de que ambos os dous clubs se cruzaron na fase de ascenso 83/84, de Terceira a Segunda B, con derrota granate en La Palma na ida por 2-1 e remontada na volta por 5-0 nunha tempada que supuxo o último ascenso do Pontevedra á categoría de bronce do fútbol español.