As contas do Pontevedra para pechar o ascenso: Seguir firmes en Pasarón

Pontevedra
24 de marzo 2025
Actualizado: 17:37

A falta de seis xornadas e con sete puntos de vantaxe sobre o Numancia, o Pontevedra empeza a botar contas para tentar pechar canto antes o ascenso de categoría

Partido entre Pontevedra CF e Coruxo en Pasarón
Partido entre Pontevedra CF e Coruxo en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol ten máis cerca que nunca a posibilidade de conseguir o seu obxectivo, o ascenso directo a Primeira RFEF.

Os granates, grazas a unha semana redonda con triunfos fronte a Numancia e Coruxo en Pasarón, gañaron o dereito a estar nunha posición privilexiada, con 7 puntos de vantaxe sobre o seu principal rival cando só restan seis xornadas para o final da liga regular, ou o que é o mesmo con só 18 puntos en xogo.

Resulta inevitable empezar a botar contas, e as do Pontevedra son claras. Manter a súa fortaleza no Estadio Municipal de Pasarón.

Os de Yago Iglesias cederon puntos na casa unicamente en dúas ocasións este curso, na xornada 6 cunha derrota fronte ao Marino e na 10 cun empate contra o Avilés. Era día 3 de novembro, e desde entón chegaron oito triunfos consecutivos ante a súa afección, con 16 goles a favor e soamente 4 en contra.

Nesa calculadora, vencer os tres encontros como local suporía forzar o Numancia practicamente a facer pleno nas seis xornadas que restan. Só poderían permitirse un empate pola baza que supón ter ao seu favor o 'average' no caso de igualada a puntos, a condición de que o Pontevedra non sume polo menos un empate no seu tres saídas. Nese caso o pleno sería xa unha obrigación, e non anda precisamente sobrado de boas sensacións o conxunto soriano tras sumar 6 puntos dos últimos 21 posibles (1 do último 12).

Os granates prepáranse en todo caso para un encontro a domicilio, visitando o vindeiro domingo 30 de marzo (17.00 horas) a un Bergantiños que pelexa por entrar no play-off de ascenso. Un encontro por certo para o que o club coruñés puxo a disposición dos granates un pack de 200 entradas.

Despois chegará a primeira das tres 'finais' en Pasarón. Será contra o Llanera (6 de abril), equipo que ocupa actualmente a praza de play-out pola permanencia pero que pasa por ser un dos mellores da segunda volta do campionato.

Polo coliseo granate pasarán tamén un Laredo que podería chegar xa descendido (está a 14 puntos da salvación) na xornada 32 (20 de abril) e o Real Ávila, cuarto clasificado, na última data do campionato (4 de maio).

O calendario do Pontevedra complétase coas saídas aos campos de Salamaca CF UDS (13 de abril) e Gimnástica de Torrelavega na penúltima xornada (27 de abril), outro rival que a oito puntos da zona de permanencia podería chegar a enfrontarse aos de Yago Iglesias xa coa categoría matematicamente perdida.