As baixas seguen castigando ao Poio Pescamar ante a visita do Teldeportivo canario

Poio
13 de novembro 2020

O conxunto vermello recibe este sábado (18.30 horas) no pavillón municipal da Seca o Gran Canaria Teldeportivo

Adestramento do Poio Pescamar 20/21
Adestramento do Poio Pescamar 20/21 / Mónica Patxot

Quinta xornada de liga na Primeira División de fútbol sala e cuarto partido para o Poio Pescamar, que quere manter a súa condición de invicto esta tempada.

O conxunto vermello recibe este sábado (18.30 horas) no Pavillón Municipal da Seca o Gran Canaria Teldeportivo, e faino marcado unha semana máis polas baixas.

Silvia segue sen poder entrar no equipo, ausencia á que se suma Carol Agulla por problemas musculares e tamén Agostina Chiesa, a última en caer. A internacional arxentina, cunha escordadura de nocello, descansará esta xornada coa intención de só perderse un partido de competición e poder volver co equipo para o desprazamento á cancha do Atlético Navalcarnero.

Pola contra, Manu Cossío recupera a un das fichaxes desta tempada, Iriaia Arbeloa, tras recibir a alta médica.

En fronte o Poio Pescamar terá un Teldeportivo que aínda non conseguiu puntuar esta campaña, pero que se mostrou como un bloque competitivo nos seus tres partidos, nos que caeu por marxes axustadas fronte a Ourense Envialia, Penya Esplugues e Leganés.