A campaña de socios do Pontevedra Club de Fútbol pon fin á súa primeira fase, a destinada exclusivamente á renovación dos abonados da pasada campaña.
Así o anunciou a entidade, que prolongou dous días máis dos inicialmente previstos a retirada destes carnés.
Durante estas case dúas semanas a asistencia de afeccionados ás oficinas do Estadio Municipal de Pasarón foi unha constante, destacando desde a entidade a aceptación que está a ter a campaña.
Agora a intención do Pontevedra é abrir a posibilidade de alta a novos socios, ata o de agora limitada á inscrición nunha lista de agarda, ata completar o aforo de asistencia previsto para Pasarón no protocolo enviado ás autoridades sanitarias, próximo aos 3.000 espectadores, máis aló de que as actuais restricións non permitan chegar a esa cifra durante a primeira parte da tempada.
Segundo as previsións do club granate, a segunda fase da campaña, na que se atenderán renovacións e novas altas, iniciarase o vindeiro luns 26 de outubro.
Para as novas altas, tal e como se explicou no seu momento, fixouse uns prezos de 245 euros en Tribuna, 180 euros en Preferencia e 120 euros nos fondos respectivamente para o público sénior e 80, 60 e 50 euros para a categoría xove.