O Club Baloncesto Arxil non puido facer fronte ao ataque do Adareva Tenerife nun partido que se lle complicou desde o segundo cuarto.
As tinerfeñas, lideradas por unha imparable Stevanovic, impuxeron o seu ritmo e levaron a vitoria por 65-81, mentres que Nerea Liste e Nena Trajchevska foron as mellores do equipo pontevedrés con 18 e 17 puntos, respectivamente.
O encontro comezou cun primeiro cuarto moi igualado, onde o Arxil logrou unha máxima renda de cuarto puntos que o Adareva recortou ao final do período (18-17).
Con todo, a dinámica cambiou radicalmente no segundo cuarto. O Arxil, que iniciara o partido con boas sensacións, comezou a cometer erros en ataque e a sufrir a efectividade das tinerfeñas.
Stevanovic erixiuse como a gran protagonista do encontro, anotando 17 puntos até o momento, mentres que Trajchevska, desde a liña de tres saía ao rescate para manter ao seu equipo con vida (34-41).
Tras o paso polos vestiarios, a superioridade do Adareva fíxose aínda máis evidente. As visitantes aproveitaron os erros do Arxil para aumentar a súa vantaxe e chegaron a ter unha diferenza de até 14 puntos (49-63).
Xa no último cuarto, as pontevedresas buscaron a reacción, pero os esforzos foron en balde. O equipo tinerfeño mantivo o control do partido en todo momento e levou a vitoria por 65-81.
Consulta as estatísticas neste enlace