Por primeira vez nos seus xa 40 anos de historia, o Club Baloncesto Arxil decidiu cobrar entrada ao público nos partidos que dispute o seu equipo sénior na Liga Feminina Challenge.
"Algún día tiña que ser", xustifican desde a entidade pontevedresa, que con esta medida busca aumentar os seus recursos para competir nunha categoría que demostrou ser moi esixente.
Será, en todo caso, unha entrada alcanzable, de 5 euros para o público adulto por partido e 2 euros para os menores de idade (menos de 6 anos de balde).
Paralelamente a esta medida, o Arxil lanzou unha campaña de socios baixo o lema 'Únete á Familia do Arxil e goza do mellor baloncesto'.
Por un prezo de 40 euros, os afeccionados poderán acceder a todos os encontros da tempada. Unha cota que será de 30 euros para persoas xubiladas e con diversidade funcional, 15 euros para nenas e nenos de 6 a 17 anos, 80 euros no caso do abono familiar (dous adultos enenos menores de idade) e 90 euros o abono empresa.
As xogadoras da canteira e os seus pais seguirán tendo acceso gratuíto aos partidos do primeiro equipo.
A medida entrará xa en funcionamento este sábado 12 de outubro co choque da terceira xornada da LF Challenge fronte ao Real Canoe (19.30 horas) no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.