Arrinca a ilusionante tempada do Arxil en Liga Feminina Challenge

Pontevedra
27 de setembro 2024

Será este sábado ás 17:00 horas cando o conxunto pontevedrés inicie a súa andaina na categoría de prata do baloncesto, enfrontándose no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Innova TSN-Leganés, un equipo con pasado en Liga Endesa e dos favoritos para ascender

Primeiro adestramento do Arxil 24-25
Primeiro adestramento do Arxil 24-25 / Mónica Patxot

A ilusionante tempada do Club Baloncesto Arxil en Liga Feminina Challenge está a piques de comezar.

Será este sábado ás 17:00 horas cando o conxunto pontevedrés inicie a súa andaina na categoría de prata do baloncesto, enfrontándose no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Innova TSN-Leganés, un equipo con pasado en Liga Endesa e dos favoritos para ascender. Pero o Arxil, aos mandos de Marita Janeiro, tentará poñerllo complicado para estrearse cunha vitoria diante dunha afección e arrincar da mellor forma a nova campaña.

Para iso, Janeiro terá á súa disposición ao persoal ao completo, co seu núcleo principal formado por Margarita Moreira, Cristina Diaz-Pache, Heather Foster, Aldara Vázquez, Mirian García, Nerea Liste, Marta Fernández e Marta Maestro; as novísimas Mariña Vázquez e Carla García, que ascenden desde Primeira Nacional, e as recentemente chegadas Laura Fernández e Raquel Laneiro, que achegarán experiencia, ilusión e, sobre todo, calidade no xogo.

Pola súa banda, o Leganés dirixido por Javier Font chega a Pontevedra completamente renovado. Continúan no equipo Aminata Sangare, que non xogará por estar a se recuperar dunha lesión, Irene Lahuerta e Cristina Soriano, e chegan como reforzos Lucia Tagores, María Espin, Clitan Da Sousa, Habtenest Calvo, Clara Rodriguez, Cristina Bermejo, Carla Flores, Sonia Smith e María Torres.

Desde o Arxil esperan un CGTD cheo de ilusión que leve ao equipo polo aire.