O Arosa segue de doce e suma o seu quinto triunfo consecutivo na casa dun Villalonga que, até agora, só gañou un encontro.
O conxunto arlequinado chegaba á cita no seu mellor momento e quedou patente sobre o céspede, mostrándose superior durante practicamente todo o choque e mellorando co paso dos minutos.
Os de San Pedro, pola súa banda, buscaban frear a mala serie co seu novo adestrador, que optou por saltar ao céspede con defensa de tres centrais por primeira vez na tempada. Con todo, nada puideron facer para frear a dinámica do Arosa.
Despois dun primeiro tempo no que houbo ocasións, pero non goles, o equipo de Vilagarcía regresou dos vestiarios disposto a ir a polo tres puntos.
Luís Castro abriu a lata no minuto 52 e, oito minutos despois, Compa sentenciou anotando o 0-2.
Con este resultado, o Arosa ascende á terceira praza da táboa, empatado a 22 puntos coa UD Ourense, mentres que o Villalonga pecha a clasificación con seis puntos.