Arosa e Rápido de Bouzas asinan un empate sen goles

O Salnés
30 de outubro 2022

Empate sen goles entre Arosa e Rápido de Bouzas este sábado na Lomba nun partido marcado polo mal estado do campo por mor do clima desta semana  

Once do Arosa contra o Rápido de Bouzas
Once do Arosa contra o Rápido de Bouzas / Arosa SC

Empate sen goles entre Arosa e Rápido de Bouzas este sábado na Lomba nun partido marcado polo mal estado do campo por mor do clima desta semana.

O ritmo do partido marcouno o equipo visitante, gozando de varias ocasións claras por parte de Álex Rey e Naveira, que puideron abrir o marcador. 

Pero co paso dos minutos o Arosa empezou a carburar con Cotilla e Julio Rey pola esquerda e a punto estivo Borja de facer o primeiro tras a deixada de Iñaki, pero o seu remate marchouse rozando o pau.

Tamén a balón parado estivo preto de marcar o conxunto arlequinado, primeiro cun remate de Brais Vidal, á saída dun córner, e despois cunha peiteada de Pacheco ao bordo do descanso.

Despois do paso polos vestiarios, o verde estaba máis esvaradío e embarrado, dificultando máis o xogo dos conxuntos, incapaces de xerar perigo en área rival.

Probou fortuna Álex Rey cun disparo alto para os de Vigo e Martín Sánchez, para o Arosa, a balón barado.

Moveron ficha Luisito e Chema Rico no banco e na recta final producíronse máis chegadas. Probaron sorte Pradavila e Mario desde a frontal e Cellerino rematando desviado un centro desde a esquerda.

O Arosa, pola súa banda, puido levar a vitoria no desconto cun disparo de Mario e un centro chute de Brais Pedreira, pero Brais Pereiro evitouno.