Arlet Ortiz, ás portas das medallas no Europeo sub-21 de taekwondo

Marín
08 de abril 2017

A galega Arlet Ortiz quedou a tan só un paso das medallas no Campionato de Europa sub-21 de taekwondo que se está disputando en Sofía (Bulgaria). A deportista do Mat’s de Marín caeu nos cuartos de final contra a representante turca, despois de facer un gran torneo. Foi na categoría de -53 quilogramos

Arlet Ortiz (abaixo, segunda á dereita), coa sección española sub-21 en Sofía
Arlet Ortiz (abaixo, segunda á dereita), coa sección española sub-21 en Sofía

A galega Arlet Ortiz quedou a tan só un paso das medallas no Campionato de Europa sub-21 de taekwondo que se está disputando en Sofía (Bulgaria). A deportista do Mat's de Marín caeu nos cuartos de final contra a representante turca, despois de facer un gran torneo. Foi na categoría de -53 quilogramos.

No primeiro combate, Ortiz enfrontouse á francesa Sana Akrimi, unha dura rival que acadou a medalla de bronce no Europeo júnior en 2013, e foi ouro no Open de España no 2014. A pesar dos seus quince anos, a de Marín non se engurrou e, a pesar da dureza do combate, conseguiu unha importante vitoria por 7-4. 

Na segunda rolda, a rival foi a sueca Paula Rouhi. Nun combate moi esixente e con alternativas no marcador, Arlet foi a primeira en sumar puntos no marcador, pero Rouhi logrou golpeala e poñerse por diante. A pesar diso, a galega seguiu loitando e logrou o triunfo final por 6-4. 

Zeliha Agris era a rival que tapaba o acceso ás medallas. A turca, que cumpre 19 anos dentro duns días, acadou a medalla de bronce no Europeo sénior do pasado ano e foi ouro nos Open de Serbia ou Croacia do 2016. 

No primeiro asalto, Agris logrou poñerse por diante de forma clara (3-0), polo que Arlet veuse obrigada a arriscar. Así, dous dos puntos que encaixou foron nos instantes finais cando caeu ao tentar golpear con xiro á súa rival para remontar. Ao final, a turca derrotouna por 8-2.

Ao remate do campionato, Arlet Ortiz estaba satisfeita polo traballo feito pero "un pouco desgustada porque quería dar o paso e meterme nas medallas", sinalou nunhas declaracións recollidas pola Federación Galega de Taekwondo.