Ariadna Gutiérrez logra un meritorio 15º posto para o Farto-BTC na Volta a Estremadura

Pontevedra
14 de marzo 2023

A ciclista mexicana mostrouse moi combativa e presente nos postos de cabeza ao longo das tres etapas que formaron a primeira edición da carreira

Corredoras do Farto-BTC na Volta a Estremadura
Corredoras do Farto-BTC na Volta a Estremadura / Vuelta a Extremadura

O Farto-BTC participou esta fin de semana na Volta a Estremadura, a que pecharon con "boas sensacións" e coa mexicana Ariadna Gutiérrez entre as quince mellores da clasificación xeral.

O equipo pontevedrés disputou a primeira edición da historia da Volta a Estremadura feminina, pertencente ao circuíto profesional europeo e que se desenvolveu en tres etapas desde o venres ao domingo.

O venres iniciou a Volta cunha contrarreloxo por equipos polas rúas de Mérida, cunha duración de seis quilómetros, na que o Farto-BTC finalizou na décimo terceira posición.

A etapa do sábado presentou un percorrido chairo con dous pequenos portos encadeados a metade de roteiro; unha etapa crebada que podía traer sorpresas e así foi. Na última subida do día, un grupo de 16 ciclistas, entre elas Ari Gutiérrez, escapouse e formou unha escapada que liderou a carreira ata o último quilómetro. As dúbidas no grupo propiciaron que o pelotón perseguidor alcanzase ás fuxidas xusto no último quilómetro antes da meta en Cáceres.

"Foi unha pena porque nos poría todo a favor na clasificación xeral para o domingo, pero quedamos contentos de ser capaces de estar nese grupo cabecero", declarou o director Brais Dacal. "Sentinme moi ben na subida, pero cun forte vento en contra as dúbidas empezaron e ao final terminaron neutralizándonos", engadiu a ciclista Gutiérrez.

Na etapa final do domingo, a montaña foi a protagonista. Tras 50 quilómetros chairos iniciábase a subida a El Torno, un porto de sete quilómetros no que o pelotón quedou reducido a unhas 30 unidades, con Gutiérrez e Dehghan como representantes do Farto-BTC. Tras unha sinuosa baixada, afrontábase o final no alto do porto de Piornal, onde se decidiu a carreira.

Gutiérrez, grazas á protección de todas as súas compañeiras durante a etapa, foi capaz de entrar no posto número 15 na meta na etapa, posto no que terminou tamén na xeral moi preto do top 10.

O equipo UCI regresou a Pontevedra na noite do domingo e céntrase xa na próxima cita da Copa de España en Beasain o domingo 19, á que irán correr tanto o primeiro equipo como o filial.