Ari Gutiérrez, a capitá do Farto-BTC, impúxose na terceira edición do Trofeo Ayuntamiento de Siero, puntuable para a clasificación nacional disputada este domingo en Pola de Siero, Asturias. A ciclista mexicana gañou en solitario tras atacar no último porto do día e conseguiu así a sétima vitoria do equipo esta tempada.
Nun percorrido sinuoso sen moitas dificultades na primeira parte, o pelotón rodou compacto con varios intentos de fuga que non tiveron éxito. O equipo pontevedrés controlou a carreira coas galegas Andrea Prado, Carmen Mallo e Mirian Trigo, que non permitiron que as escapadas frutificasen.
Ari levou á perfección a estratexia e ataques planeados e atacou no momento exacto para afrontar a subida ao Muncó en solitario (levándose tamén o premio da montaña) e realizou o descenso a meta cunha vantaxe que lle permitiu impoñerse na proba.
Ademais da vitoria absoluta e no premio de montaña, o Team Farto quedou cuarto na clasificación por equipos con Andrea Prado no posto vinte e un, Carmen Mallo no vinte e nove e Mirian Trigo no trinta.
Estas catro ciclistas tamén competiron o sábado no Gran Premio Léon, última proba puntuable da Copa de España de Mulleres.
Ari Gutiérrez foi tamén protagonista da proba do sábado ao tentar a vitoria cun ataque tardío xunto a Andrea Alzate (Eneicat) que foi neutralizado a moi poucos quilómetros da liña de meta situada na Avenida Orduño II da capital leonesa.
Finalmente, a corredora mexicana entrou no posto 18 nunha chegada ao sprint na que se impuxo Valentina Basilico (Eneicat). Andrea Prado e Mirian Trigo completaron a proba para o conxunto galego.