A concellería de Deportes de Pontevedra aprobou o protocolo básico de actuación para o uso das instalacións deportivas que dependen directamente do goberno municipal.
Este paso supón na práctica a reapertura das instalacións, que permanecían pechadas salvo algunha excepción para equipos de competición (Leis para preparar o play-off e máis recentemente Cisne).
O protocolo establece un calendario de cinco fases, que serán revisadas de forma periódica en función da evolución da pandemia. Na primeira delas, que se propón iniciar de inmediato, reactívase o uso das instalacións deportivas pero só para o deporte federado e para actividades que non supoñan contacto físico.
Esta circunstancia xa provocou algúns problemas cos clubs, tras compartir o Cisne un extracto dunhas das súas sesións de pretempada no pavillón Multiusos lembrando o Servizo Municipal de Deportes que "a actividade física autorizada pola Xunta, e recollida no protocolo do Concello, e aquela q se poida desenvolver sen contacto físico".
Non se debería ter q recordar q a actividade física autorizada pola Xunta, e recollida no protocolo do Concello, e aquela q se poida desenvolver SEN CONTACTO FÍSICO.
— Deportes Pontevedra (@DeportesPO) July 30, 2020
En canto ás normas básicas en materia de hixiene serán segundo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "o distanciamento físico de máis dun metro e medio, o constante lavado das mans e o uso obrigatorio de máscara".
A medida que as condicións melloren avanzarase ás seguintes fases, nas que se inclúen todo tipo de actividades deportivas, dando paso tamén ao resto de persoas usuarias habituais das instalacións deportivas e non só aos federados.