A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) confirmou á primeira hora deste mércores o adiamento do partido de Copa do Rei que debían disputar ás 20.00 horas Pontevedra Club de Fútbol e Levante.
A decisión tómase ante as graves incidencias orixinadas pola DANA que azoutou o leste español, e especialmente a Comunidade Valenciana.
De feito o Levante, que tiña previsto desprazarse a Galicia o martes, tivo que suspender a súa viaxe en avión a Santiago, deixando o choque no aire e a decisión en mans da RFEF.
Finalmente o organismo federativo decidiu suspender este choque de primeira rolda de Copa e tamén o que debían disputar o CP Parla Escuela e o Valencia CF.
No seu comunicado o roganismo federativo xa confirma a nova data para o encontro, fixando o choque para o vindeiro xoves 7 de novembro ás 20.00 horas.
Esta nova data deixaría menos de 48 horas de descanso ao Pontevedra antes da xornada de liga que os granates deben afrontar o sábado día 9 ás 17.00 horas no campo do Coruxo.
Sobre a mesa está agora a posibilidade de atrasar un día ese encontro.
En todo caso a resolución respecto diso pode aínda non ser inmimente ao haber por medio outra xornada de competición.