Ao Peixe Galego escápaselle no último cuarto un partido vital ante o Almansa (82-90)

Marín
09 de marzo 2019

Seis minutos sen anotar no último cuarto, cun parcial de 0-16 en contra, deixou sen opcións aos de Marín tras un encontro moi disputado que dominaron durante gran parte do tempo. As prazas de ascenso afástanse

Partido entre Peixe Galego e CB Almansa
Partido entre Peixe Galego e CB Almansa / Diego Torrado

Seis minutos de desconexión ofensiva, xa no último cuarto, custáronlle moi caro ao Peixe Galego nun duelo vital nas súas aspiracións ante o Almansa (82-90).

Os dous equipos partían co mesmo balance (5-7) na táboa clasificatoria, a dous triunfos dos postos que dan acceso ás eliminatorias polo ascenso a LEB Ouro, polo que era obrigado gañar para non verse demasiado atrasado.

Tanto os de Marín como os visitantes sabíano, e o resultado desa tensión traduciuse ao xogo cunha gran igualdade sobre a cancha. A pesar da boa saída a pista dos de Javi Llorente (7-2), enseguida o Almansa empataba. Os locais levaban a iniciativa nesta fase, aínda que non lograban distanciarse terminando os primeiros 10 minutos cun apertado 27-25.

Todo seguiu igual no segundo parcial, cun  Peixe que amagaba con escaparse grazas a un triplo de Romero que facía ao técnico rival pedir tempo morto (40-34), pero que non o conseguía, e só un tiro libre anotado por Gregory e un tapón de Vashil Fernández permitíanlles chegar ao intermedio en lixeira vantaxe (43-42).

Na continuación o Almansa tomou a dianteira cunha canastra de tres de Santoja, pero tamén desde o perímetro o cadro marinense reaccionaba para retomar o mando con tres dianas consecutivas. Así con Sevillano tomando a iniciativa nas operacións ofensivas e cunha rápida transición finalizada cunha bandexa de Pantín sobre o tempo o Peixe Galego recuperaba os 6 puntos de renda ao final do terceiro cuarto (70-64).

Pintaba ben para os locais, moi concentrados en todo momento, e con todo as luces apagáronse tras un 2+1 de Sevillano (75-71). No peor momento o aro fíxose pequeno para os marinenses encadeando seis minutos sen anotar, xusto na fase decisiva. Tampouco nun inicio o Almansa mostrábase acertado e só igualaba a 75, pero tras varios ataques errados empezaron a acertar para marcar un parcial decisivo de 0-16 ante a inoperancia no tiro do Marín, especialmente dun desacertado Badmus. Vashil Fernández rompeu a mala serie, pero xa era tarde. A desvantaxe era demasiado grande para os apenas dous minutos que restaban.

Unha derrota dolorosa para o Peixe. Queda moito por diante aínda na segunda fase da LEB Prata, pero este resultado déixalle sen apenas marxe para o erro.

Consulta as estatísticas do Marín Peixe Galego- CB Almansa.