Difícil compormiso para o Pontevedra nesta xornada. Visita o campo de Barreiro, en Vigo, domingo (12:00 horas), para enfrontarse a un dos 'gallitos' da categoría, o R.C. Celta de Vigo B, con arbitraxe de colexiado ferrolano Víctor García Villaverde
Doce xornadas consecutivas acumula o equipo de 'Pichi' Lucas sen coñecer a derrota, exactamente dende o xa afastado 2 de decembro, cando o Compostela conseguía dobregalos en Barreiro (2-3).
Ademais, unicamente Somozas e Compostela foron capaces de derrotar aos céltico no seu terreo, pero o dato que demostra aínda máis a súa fortaleza como local é que só ante o mesmo Somozas e o Rápido de Bouzas os vigueses deixaron de marcar, polo que a posibilidade de vitoria granate pasa por intentar facer cando menos dous goles.
Claro que iso son números e estatísticas que non sempre se cumpren en fútbol. Os de Milo aférranse ao feito de que tamén na primeira volta os seus rivais chegaban a Pasarón como claros favoritos, sen coñecer a derrota, e foron freados por un Pontevedra que realizou un dos seus mellores partidos ata o momento.
A fortaleza do rival e a importancia dos puntos en disputa, máis para os granates que para os vigueses, comodamente asentados na segunda posición, fan que o partido resulte moi atractivo para os afeccionados. Ademais, se ben a non moi satisfactoria marcha do Pontevedra a domicilio retraeu en bastantes ocasións aos seus seguidores, non sucederá así nesta ocasión, xa que a proximidade e a rivalidade existente entre ambos os dous clubs fan pensar que serán bastantes os afeccionados que acudan a Barreiro para apoiar o seu equipo.
Santi Domínguez e Sestelo non viaxan, por lesión
Mentres 'Pichi' Lucas unicamente ten a baixa do defensa Diego Maceira, por acumulación de tarxetas, máis complicado está o panorama para Milo Abelleira. Ademais da baixa prolongada de Fran Fandiño, nin Caco nin tampouco Sestelo, lesionado esta mesma semana, chegarán a tempo para o partido, o mesmo que Santi Domínguez, que non puido recuperarse a tempo, mentres que David Pérez viaxa pero é máis que probable que non poida estar en condicións de actuar, polo menos dende o comezo.
O último adestramento realizado na mañá do sábado en Pasarón estivo moi condicionado pola insistente choiva e vento, limitando as posibilidades de traballo dos granates, que están a sufrir un verdadeiro calvario nesta tempada para encontrar un lugar onde traballar con normalidade. Á súa conclusión Milo facilitou a lista de convocados para o partido de Barreiro, cun posible once inicial no que estarían: Lloves; Pacheco, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Cristóbal Juncal, Iago Paz, Moisés Pereiro, Jacobo; Tubo y Richi, completando a lista Lorenzo, Nano, David Pérez, Stefan e Javi Pazos.
Pola súa banda 'Pichi Lucas " convocou aos 18 xogadores que ten dispoñibles: ÿscar, Rubén, Víctor Vázquez, Maestre, Souto, Moreira, Kevin, Madinda, Sergio Santos, Marcos Torres, Antón, Borja, Rubén Martínez, Añón, Benja, Aitor García, Félix e Camochu. Ademais da xa comentada baixa de Maceira, por acumulación de tarxetas, tampouco contará con Santi Mina, que actuará co equipo Juvenil de División de Honra.