Os afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol poderán seguir o partido de ida da elimimatoria final polo ascenso nunha pantalla xigante instalada na cidade.
Así o avanzou este mércores o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asegurado que a administración provincial "instalará unha pantalla na cidade de Pontevedra para que todos os que queiran poidan apoiar o equipo".
Trátase dunha decisión que necesita o visto e prace do Concello autorizando o uso do espazo público, pero neste sentido "esperamos contar coa colaboración do Concello para que nos diga cal é o mellor lugar para colocala", defendeu Domínguez dando como posibles opcións a Avenida Montero Ríos, a Praza do Teucro ou a Praza da Ferrería.
"Foron moitas as mensaxes que nos chegaron pedindo poñer unha pantalla", afirma o vicepresidente provincial, xustificando a decisión en que "o Pontevedra Club de Fútbol non é só un club deportivo da cidade, é parte a cidade".
O primeiro asalto polo ascenso entre Betis Deportivo e Pontevedra terá lugar o vindeiro domingo 26 de maio ás 17.00 horas no Estadio Benito Villamarín de Sevilla.
O CONCELLO OFRECERÁ "TODAS AS FACILIDADES DO MUNDO"
Por mor desta petición, desde o goberno municipal de Pontevedra sinalan que ofrecerá "todas as facilidades do mundo" para que a Deputación instale esta pantalla. "Nunca houbo ningún problema para apoiar a actividade que sexa", sinalou o alcalde.
Miguel Anxo Fernández Lores instou ao executivo provincial a que presente a solicitude "e que decida onde quere poñela", ofrecendo ademais alternativas por se o devandito espazo está ocupado ou por se, por motivos de seguridade, non se pode colocar a pantalla.
MONTERO RÍOS, LOCALIZACIÓN ELIXIDA
Tres horas despois do anuncio, a Deputación de Pontevedra confirmou que a localización escollida para colocar a pantalla xigante será finalmente a Avenida de Montero Ríos, nas escalinatas de entrada do Pazo Provincial.