O Pontevedra Club de Fútbol afrontará este sábado 14 (19.00 horas) un importante partido no feudo de Unionistas de Salamanca, un rival directo pola permanencia, pero o ruído xerado pola 'fuga' de Libasse Guèye segue desviando en parte a atención.
A este asunto referiuse este xoves o adestrador granate, Antonio Fernández, na súa habitual comparecencia semanal, recoñecendo que "non é unha situación cómoda".
"O club é o que ten que tomar decisións, cada un é maiorciño para saber o que ten e non ten que facer. É libre de facer o que queira pero loxicamente ten un contrato connosco", afirmou o preparador respecto diso.
En todo caso Antonio asegura que se trata de "unha cousa externa" xa que "non está connosco". Por iso defende que "temos que estar centrados no que temos que estar", e que só "me molestaría se os meus xogadores estivesen incómodos, pero non falamos nada dese tema".
Pensando xa unicamente no duelo fronte a Unionistas "non son un equipo que queiran moito a posesión, é un equipo que transiciona moi ben e que ten argumentos dabondo para facer dano a calquera rival", analiza, polo que "o que temos que manexar moi ben é o que o outro día fallamos un pouco, que son esas vixilancias defensivas, ese balón que nos poidan poñer nas costas para crear superioridades, gañar os segundos balóns".
Fernández apóiase nos últimos resultados conseguidos fóra da casa (vitorias en Ceuta e Alxeciras) para afrontar con confianza o duelo, e tamén porque tras unha semana "dura" como a pasada "o equipo vai chegar ben ao sábado. Agora mesmo o plantel dáme confianza de que cre, está a traballar moi ben para conseguir esa vitoria que tanto necesitamos".
No Estadio Reina Sofía espérase ademais un importante ambiente de fútbol, con ampla presenza de afeccionados con "unha afección que empuxa", pero "ternemos que ter tranquilidade e saber que eles tamén están necesitados. Non temos que ter esa ansiedade de querer gañar o partido no minuto 5". Iso e "ser efectivos para gol", algo que "nos está custando", son claves para Antonio Fernández pensando en que o Pontevedra poida regresar cos tres puntos de Salamanca.
Ademais do 'desaparecido' Guèye, son baixa esta xornada o lesionado Ángel Bastos e tamén o dianteiro Rufo, ao ter que cumprir un partido de sanción por acumulación de amoestacións.