Antonio Fernández: "Presión non, pero queremos buscar unha vitoria que nos de tranquilidade para seguir traballando"

Pontevedra
28 de outubro 2022

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Antonio Fernández, recoñeceu este venres que fronte ao San Fernando "o que importa é conseguir unha vitoria, se pode ser con bo xogo mellor, pero tampouco estamos para grandes esixencias"

Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Antonio Fernández, compareceu este venres ante os medios de comunicación para analizar o duelo que o vindeiro domingo (17.00 horas) enfrontará os granates co San Fernando no Estadio Municipal de Pasarón.

Un duelo que tras seis xornadas sen gañar adquire unha maior importancia se cabe para os da Boa Vila. Con todo o técnico quixo restarlle un grao de dramatismo: "Presión non, pero queremos buscar unha vitoria que nos de tranquilidade para traballar", explica, e é que todo o que non sexa conseguir os tres puntos pode elevar notablemente o ruído e a inestabilidade ao redor do equipo.

Antonio Fernández: "O que importa o domingo é conseguir unha vitoria, se pode ser con bo xogo mellor, pero tampouco estamos para grandes esixencias"

"O que importa o domingo é conseguir unha vitoria, se pode ser con bo xogo mellor, pero tampouco estamos para grandes esixencias", defende Fernández.

O preparador pontevedrés recoñece en todo caso que "me preocupan as sensacións porque estas dúas semanas o equipo está a notalo", pero quixo "transmitir tranquilidade" ao seu plantel.

Antonio ten claro que o camiño o domingo será "volver ser o Pontevedra da primeira xornada, o que foi a Riazor sen complexos. Temos que recuperar as sesaciones dese equipo que é dominador, que non se garda nada dese o inicio".

Enfronte os granates terán a un San Fernando que é "un equipo que sabe ao que xoga e ten os seus argumentos. Transicionan moi ben e a nivel defensivo son moi sólidos", analiza o responble técnico dos de Pasarón.

Para a cita, asegura Fernández, Luís Martínez "xa está dispoñible", mentres que Samu Araújo está case a punto superada a súa última lesión muscular. Os que son baixa segura son o sancionado Yelko Pino, Diego Seoane por lesión e o ausente Guèye, concentrado coa selección nacional sub-23 de Senegal.