Antonio Fernández: "Gustaríame ver ao meu equipo o domingo con personalidade en Riazor"

Pontevedra
16 de setembro 2022

O adestrador do Pontevedra compareceu este venres na rolda de prensa previa ao partido que medirá ao seu equipo co Real Club Deportivo en Riazor, asegurando ante a mobilización de seguidores granates que "tentaremos estar á altura da afección que temos"

Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Antonio Fernández, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Sen complexos. Así viaxa o Pontevedra Club de Fútbol ata A Coruña para medirse o vindeiro domingo 18 (19.00 horas) a un dos grandes cocos da categoría, o Real Club Deportivo, no Estadio Municipal de Riazor.

Así polo menos asegúrao o adestrador granate, Antonio Fernánez, que espera "sobre todo ter personalidade. A min gustaríame ver ao meu equipo o domingo con personalidade en Riazor, facer o fútbol que nos gusta facer, co que sentimos cómodos", defendeu a rolda de prensa previa ao choque.

"Temos que ser fieis á nosa forma de entender o fútbol, tentarémolo pero hai un rival enfronte que nos vai a poñer as cousas moi complicadas", explicou o técnico.

Antonio non é alleo ademais á gran mobilización de seguidores do Pontevedra, que contará con ao redor de medio milleiro de fieis nas bancadas. "Está a moverse a xente para ir a Riazor a apoiarnos e só con iso xa non é un partido normal, a partir de aí tentaremos estar á altura da afección que temos", afirma.

A clave en todo caso, e así lla trasladou aos seus xogadores, é que "que ninguén se esconda, que quertamos o balón e que sintamos cómodos", tarefa que non será sinxela, xa que "temos que estar ao noso mellor nivel para sacar algo positivo de alí".

En canto ao rival para o preparador pontevedrés, que non contará esta fin de semana aínda con Diego Seoane nin con Pablo Cacharrón por lesión, o Deportivo é "un equipo que co paso das xornadas vai ir a máis", sinalou.