O Pontevedra Club de Fútbol afronta a súa participación na Copa do Rei, coa primeira eliminatoria que lle medirá o vindeiro domingo (12.00 horas) a domicilio ao Manresa de Segunda RFEF, "moi ilusionado".
Así o asegura o adestrador granate, Antonio Fernández, quen este venres en rolda de prensa defendeu que "a Copa non se xoga todos os anos, hai que darlle o valor que ten".
O técnico cre que "pasar a eliminatoria fóra da casa pódenos reforzar", aínda que incide na importancia de "ser humildes, non por ser un equipo de superior categoría temos garantido o pase".
"Imos xogar contra un equipo de inferior categoría, co que iso supón. A ambición deles por pasar en casa e querer enfretarse a un equipo de superior categoría non pode ser un obstáculo para que nós pasemos a eliminaoria, temos que igualar esa intensidade coa que van saír", defende Fernández avanzando que "pasa moito da eliminatoria por ser un equipo que non conceda".
En canto ao rival "están en play-off de ascenso, os seus números en casa son moi bos, non perderon aínda", avisa.
Aínda que o preparador pontevedrés dálle valor ao Torneo do K.O. e apostará por un once competitivo, si será unha oportunidade para repartir minutos porque "hai xogadores que teñen que coller ritmo competitivo". Neste sentido os granates afrontarán o duelo cunha única ausencia xa que "excepto a Álex temos a todos os efectivos dispoñibles".
O encontro disputarase nun campo de céspede artificial, prohibido esta campaña na Primeira RFEF, pero para Antonio Fernández "non é ningunha escusa, adestramos todas as semanas nesa superficie".