Boas novas para o Poio Pescamar, que vivía con inquietude a lesión sufrida por Antía Pérez a pasada fin de semana en Móstoles.
A futbolista ourensá retirouse do encontro tras facerse dano nun xeonllo e temendo o peor, pois as sensacións eran similares ás vividas coas súas dúas roturas de ligamento, lesións de gravidade que lle mantiveron os dous últimos anos practicamente en branco.
Antía someteuse o luns a unha resonancia magnética para coñecer o alcance exacto da súa doenza, resultado que coñeceu este martes e que compartiu ela mesma en redes sociais cun expresivo "que non está roto", celebrando o diagnóstico.
QUE NOOOOO ESTÁ ROTOOOOOO
— Antía Pérez (@antipg8) May 25, 2021
As probas realizadas apuntan a unha escordadura de xeonllo, unha lesión que lle terá aproximadamente tres semanas de baixa e que lle fai moi difícil volver saltar á pista este curso, mesmo se o equipo conserveiro se clasifica para o play-off polo título. A pesar diso, non ter que volver pasar por unha longa recuperación supuxo un gran alivio para unha futbolista que recuperara esta campaña a súa mellor versión.