En 2021 conseguiu tres medallas no Campionato de Europa Júnior, unha delas de ouro, e estivo moi preto de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokyo xunto a Antía Jácome no C-2 500. Todo iso rozando aínda a maioría de idade. É por iso que, por méritos propios, Antía Otero situouse como unha das grandes promesas do piragüismo local, autonómico e nacional cunha meta moi clara na súa cabeza. "París 2024 é o soño", recoñece.
Para conseguilo a padeeira marinense da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra sumou un importante apoio, ao ser incluída dentro do programa Becas Podium que tutela a empresa Telefónica ao amparo do Comité Olímpico Español (COE).
Trátase dunha axuda que achega "tranquilidade e ánimos para seguir traballando, dáche como forzas para crer en ti e ver que se pode", asegurou a PontevedraViva a deportista tras coñecer unha noticia que a pillou na casa, en Galicia, nunha breve paréntese da preparación que leva a cabo co grupo de alto rendemento concentrado en Sevilla.
"Chegoume un correo despois de adestrar, que estaba super cansa e sacoulme todo o cansazo de enriba", explica sobre como recibiu a notificación da súa entrada no programa. Non é pouca cousa, porque isto suponlle recibir unha axuda económica de 1.400 euros brutos ao mes para custear equipamentos ou desprazamentos a competicións.
As Becas Podium céntranse en apoiar a deportistas menores de 23 anos que se atopan aínda fóra do programa ADO (Asociación de Deportes Olímpicos), dando soporte a preto de 90 novos atletas de diferentes modalidades deportivas. De feito é cada federación a que escolle a quen destinar este recurso, e no caso do piragüismo fixáronse na marinense, á que "non me dixeran nada", recoñece.
Agora, co plus que supón, Antía Otero céntrase nos grandes retos da tempada que está a piques de comezar, e que pasan por "clasificarme para o Mundial absoluto ou para o sub-23, que é o meu primeiro ano na categoría". Farao de momento pelexando por un posto nun barco individual, ao non permitir a Federación esta campaña dobrar probas, e sen saber aínda a distancia. "Estamos un pouco con todo agora mesmo para non pechar ningunha porta, e en base aos resultados do individual faremos barcos de equipo", asegura.
Todo nun ano no que só quere centrarse "en mellorar" para un 2023 que xa empezará a debuxar o camiño cara aos Xogos Olímpicos repartindo as súas primeiras prazas. Un reto complicado pero non imposible.