Antía Jácome non é só o futuro do piragüismo olímpico español, tamén é presente. Proba diso é que o COE, aproveitando a concentración do equipo nacional no balneario de Laias, entregoulle o móbil da entidade para que exerza durante un día como community manager e mostre a todos os seguidores como é a rutina diaria de traballo dunha deportista olímpica.
Desde primeira hora da mañá e despois de presentarse como nova encargada das redes sociais do Comité Olímpico Español, Jácome comezou a subir "stories" de cada un dos acontecementos da súa axenda diaria. Empezou presumindo de "oficina" cunha panorámica das vistas que ofrece o balneario de Laias desde a súa habitación.
A continuación, compartiu o cátering do almorzo para desprazarse despois á sala de quecemento cos seus compañeiros. Minutos máis tarde, chegou o momento de saír ao río para remar e, ao finalizar a sesión, media hora de carreira acompañada polas súas compañeiras de selección.
Así rematou unha mañá de traballo que, despois de comer, continuará cunha última rolda de adestramento no ximnasio que poñerá fin ao primeiro día da piragüista olímpica Antía Jácome como community manager por un día do COE.