Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela selan o billete para os Xogos Olímpicos de París 2024

Pontevedra
25 de agosto 2023

A armada pontevedresa, con Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela selou a súa presenza para os Xogos Olímpicos de París 2024 tras a gran actuación realizada este venres nas finais do mundial que se está disputando na cidade alemá de Diusburg  

Teresa Portela, Carolina García, Sara Ouzande e Estefanía Fernández
Teresa Portela, Carolina García, Sara Ouzande e Estefanía Fernández / Federación Española de Piragüismo

A armada pontevedresa, con Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela selou a súa presenza para os Xogos Olímpicos de París 2024 tras a gran actuación realizada este venres nas finais do mundial que se está disputando na cidade alemá de Diusburg.

Na distancia olímpica de C1 200 metros, Jácome fixo unha regata para enmarcar asinando unha marca de 45.418 para facerse co metal de prata e asegurar a súa praza nas olimpíadas do ano que vén. A proba gañouna a cubana Yarisleidis Cirilo (44.799) e terceira foi a chinesa Wenjun Lin (45.623).

Unha hora despois, a pontevedresa subiu á canoa xunto á súa compañeira María Corbera para levar unha nova medalla de prata no C2 200 metros, distancia non olímpica. Nesta ocasión, as españolas pararon o cronómetro nun tempo de 42.760 co que superaron ás alemás (43.623), que foron terceiras, e tan só por detrás da embarcación chinesa (42.516).

Na xornada do sábado Antía Jácome terá unha nova oportunidade de sumar outra distancia a París a partir das 12:30 horas na final do C2 500 metros tamén xunto a María Corbera.

As que tamén fixeron historia son Teresa Portela, que irá aos seus sétimos Xogos Olímpicos xunto a Carolina García, Sara Ouzande e Estefanía Fernández.

A armada española colgouse a medalla de bronce en K4 500 metros tras cruzar a liña de meta en terceira posición, por detrás das neozelandesas, que foron primeiras, e as polacas, que foron segundas.

A armada española sempre se mantivo entre as tres primeiras embarcacións durante a carreira, chegando en terceira posición aos 250 metros finais, moi preto de Nova Zelandia e Polonia. Nun emocionante sprint final, aseguraron un meritorio terceiro posto.

Ao final foi Nova Zelandia a que levou o ouro cun tempo de 1:30.606, Polonia obtivo a prata con 1:31.320 e España gañou o bronce con 1:31.955.

Con este metal, Teresa Portela continúa ampliando o seu impresionante palmarés con 17 medallas internacionais.