Antía Jácome avanza a semifinais na súa estrea nos Xogos Olímpicos

Pontevedra
04 de agosto 2021

A padexeira pontevedresa está xa entre as 16 mellores do C-1 200 tras participar nas series de clasificación e pasar por unha quenda de cuartos de final na que se impuxo aos seus rivais. O desenlace e a pelexa polas medallas, este xoves 5 de agosto

Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo / Comité Olímpico Español

Con paso firme. Así se estreou este mércores Antía Jácome nos Xogos Olímpicos de Tokyo, na que é a súa primeira experiencia olímpica.

A padexeira pontevedresa está xa entre as 16 mellores do C-1 200 metros tras avanzar a semifinais previo paso polas series clasificatorias e os cuartos de final.

Jácome comezou participando na primeira serie da xornada, unha quenda na que non puido lograr o pase directo a semifinais (pasaban as dúas primeiras) ao ser terceira cun tempo 46.691, sendo superada pola ucraína Liudmyla Luzan (45.571) e a chinesa Wenjun Lin (46.449).

Había que pasar por tanto polos cuartos de final para seguir en competición, pero polo menos a deportista da EP Ciudad de Pontevedra xa se tiña desposuído dos nervios do debut.

Así, en cuartos de final mellorou notablemente o seu rexistro para vencer a súa quenda cun 45.668, o cuarto mellor tempo de toda a xornada no  C-1 200, facéndose desa forma cun dos dous postos de acceso á seguinte rolda xunto á chilena Maria Mailliard (46.122).

Antía Jácome gañou agora o dereito para soñar e a buscar un oco na loita polas medallas. Para iso deberá ser unha do catro máis rápidas nunha semifinal que terá lugar este xoves 5 ás 2.44 horas en España. De conseguilo, estaría na final dese mesmo día ás 4.43 horas.