Un só billete olímpico e dúas talentosas piragüistas. Antía Jácome contra María Corbera. O complexo deportivo David Cal do encoro do Pontillón do Castro en Verducido foi o escenario dunha encarnizada loita entre dúas rivais e amigas por unha praza nos Xogos Olímpicos de Tokio deste verán. A primeira manga decantouse ao lado da padeeira local que, se gañaba a segunda, lograría o pase. E non fallou. Nin a emoción, nin os nervios, nin a esixencia da proba puideron con Antía Jácome, que debutará con só 21 anos no maior escenario deportivo do mundo.
O cara a cara entre a pontevedresa e a madrileña foi a solución que se lle ocorreu á Federación Española de Piragüismo para decidir cal das dúas padeeiras subiríase ao barco español no C1-200. Ambas fixeran méritos máis que suficientes para merecelo. A madrileña logrou a praza olímpica no Europeo, mentres que a galega foi vencedora no selectivo nacional que daba acceso ao preolímpico e aceptou renunciar ao C1 para centrarse na clasificación do C2 para Tokio.
En casa, diante da súa familia e amigos e á mellor de tres tiradas, Antía Jácome non fallou. Gañou as dúas primeiras probas con solvencia e xa é olímpica. Coa voz temblorosa e sen tempo para asimilar o éxito, o primeiro que fixo a pontevedresa foi fundirse nun sentido abrazo coa súa rival. "Ti fixéchesme mellor", dicíanse a unha á outra nun alarde de deportividade e sen poder conter as bágoas.
Logo chegou a quenda das felicitacións. Compañeiros e técnicos deron o parabén á nova padeeira que xa non puido conter a emoción cando os seus avós apareceron no pantalán para regalarlle un ramo de flores e un interminable abrazo.
"Estou súpercontenta, aínda non mo creo e ademais na casa. Estou que non entro dentro de min", recoñecía a piragüista da EP Ciudad de Pontevedra minutos despois de selar a súa clasificación.
Aínda que non foi necesaria unha terceira rolda de desempate, a competición foi intensa. "A primeira gañeina con bastante vantaxe pero non me daba conta de que podía chegar a ese nivel. A segunda foi máis axustada, pero é esa rivalidade que temos a que nos fai ser máis fortes", confesa. Tamén tivo palabras de agarimo para Corbera, á que lle dixo que "llo merece tanto ou máis que eu". De feito, está convencida de que competir contra ela fíxoa mellor deportista. "Grazas á nosa rivalidade estamos a mellorar moitísimo, case dous segundos os tempos desde hai un ano a agora. Por iso quero darlle as grazas a María", remarca.
Co billete no peto, Jácome xa pensa en preparar a cita olímpica. "Quédannos dúas semaniñas e xa nos imos a Tokio. O que queda agora é puír detallitos e facelo o mellor posible alá", sinalaba antes de reiterar o seu agradecemento a todos os seus achegados. "Teño unha familia xenial, viñeron todos a verme", concluíu.