O Campionato do Mundo de atletismo que se celebra en Budapest do 19 ao 27 de agosto está marcado en vermello no calendario do atletismo español. A Real Federación Española de Atletismo (RFEA) anunciou este xoves a lista de convocados, "un equipo de garantías que inclúe a medallistas mundiais e europeos, ademais de plusmarquistas nacionais, continentais e mesmo mundiais", argumentan desde o ente federativo.
E entre os elixidos está a pontevedresa Antía Chamosa. A marchadora formará parte do equipo español para disputar a proba de 20 quilómetros marcha.
En total, 56 atletas (29 mulleres e 27 homes) foron preseleccionados para o Mundial despois de cumprir cos criterios establecidos polo seleccionador José Peiró e a Dirección Deportiva da RFEA. Unha cifra que é a terceira máis alta nas 19 edicións mundialistas, e que podería ampliarse ata 59 nos próximos días cando se peche o World Ranking. Por primeira vez na historia, acudirán máis mulleres que homes a un Campionato do Mundo.
A marcha e o mediofondo abanderan este equipo cos galóns que dan o récord mundial de 35 km marcha de María Pérez, os campións de Europa de 20 e 35 km marcha Álvaro Martín e Miguel Ángel López, e as medallas e récords internacionais de Mohamed Katir.
Neste sentido, desde a RFEA están seguros de que a marcha será un dos sectores estrela para a delegación nacinal por palmarés e marcas. Xa anunciado anteriormente, o equipo lidérao a plusmarquista mundial de 35 km María Pérez, que dobrará co 20 km, onde este ano bateu o récord de España e en 2021 foi cuarta nos Xogos. Nesta distancia estará acompañada pola pontevedresa Antía Chamosa, que acaba de conseguir a prata no campionato de España só por detrás da súa compañeira de selección.
Ao longo desta tempada e a anterior, Chamosa logrou consolidarse no equipo nacional a golpe de mellorar as súas marcas e conseguir medallas en campionatos nacionais e internacionais.
A marchadora pontevedresa non será a única representante galega no mundial. Viaxará acompañada de Adrián Ben (800 metros lisos) e Tariku Novales (maratón).