Antía Chamosa estará nos Xogos Olímpicos como opción da remuda mixta de marcha

Pontevedra
14 de xuño 2024

A deportista pontevedresa foi inscrita pola Real Federación Española de Atletismo para o gran evento do deporte internacional. É unha das atletas que aspira a formar parte da nova remuda mixta de marcha, cuxa composición non se decidirá ata despois das probas individuais, en plenos Xogos

Antía Chamosa no Critérium Internacional de Remuda Mixta de Marcha en Valencia
Antía Chamosa no Critérium Internacional de Remuda Mixta de Marcha en Valencia / Miguélez Team / Real Federación Española de Atletismo

É oficial. Antía Chamosa estará nos Xogos Olímpicos de París 2024.

A deportista pontevedresa foi inscrita pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) como unha das opcións do equipo nacional para formar a nova remuda mixta, aínda que non será ata horas antes da proba cando saiba se finalmente vai competir ou non na cita olímpica.

A dirección deportiva da RFEA publicou este venres a preselección de atletas para as probas olímpicas de marcha, na que entrou Chamosa tras lograr recentemente a mínima para París 2024 no Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns da Coruña.

A Selección Española estará liderada polos bicampións mundiais María Pérez e Álvaro Martín. Ambos os dous competirán o día 1 de agosto na proba dos 20 quilómetros xunto a Diego García Carrera, Paul McGrath, Laura García-Caro e Cristina Montesinos.

Antía, a pesar da mínima, non estará por tanto nesta proba, onde había exceso de atletas que cumprían os criterios. Con todo si aparece na lista de catro deportistas que se inscribiron para completar a Selección con opción a partiripar na remuda mixta, xunto a Alberto Amezcua, Miguel Ángel López, e Raquel González. 

A remuda disputarase o día 7 de agosto, e nela participarán dúas parellas españolas aínda por definir. Por iso a Federación decidiu levar a París os 10 atletas. Estarán para todos os efectos nos Xogos Olímpicos, pero a aliñación final non se determinará ata que se dispute o día 1 de agosto a competición individual de 20 quilómetros.