Acabaron as vacacións para a Sociedad Deportiva Teucro.
O primeiro equipo do club pontevedrés regresou este martes ao traballo co seu primeiro adestramento de pretempada.
Estaban citados 21 xogadores, entre os que se atopaban as catro fichaxes estivais e coas que a entidade quere dar un salto de calidade: Eloy Krook, Javi Santana, Andrés Pérez e Daniel Vicente Pintus.
O Teucro competirá por segundo ano consecutivo na Primeira Nacional, terceira categoría do balonmán, co obxectivo de aumentar o seu nivel do pasado curso e pelexar polos postos de honra da liga.
Comeza desta forma unha fase de preparación para o conxunto adestrado un ano máis por Irene Vilaboa que concluirá na primeira xornada do campionato, prevista para o 17 de setembro con visita á pista do Culleredo.