Ánimos a Juan Saavedra ante o reto dos Xogos Paralímpicos

Pontevedra
21 de xullo 2021

O tirador pontevedrés, que afronta a recta final da súa preparación para os Xogos Paralímpicos de Tokyo, foi recibido este martes polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández

Recepción municipal ao tirador Juan Saavedra antes de acudir aos Xogos Paralímpicos
Recepción municipal ao tirador Juan Saavedra antes de acudir aos Xogos Paralímpicos / Cristina Saiz

Foi unha longa espera, pero no horizonte aparecen ao final os Xogos Paralímpicos para Juan Saavedra.

O tirador pontevedrés foi o primeiro deportista español en certificar o seu billete para a cita xaponesa, alá por setembro de 2018, e suspensión mediante case tres anos despois afronta a recta final da súa preparación coa ambición de pelexar pola que sería a súa segunda medalla.

Saavedra conta no seu palmarés cunha medalla de prata en Londres 2012 e diplomas olímpicos en Atenas 2004 (4º) e Sidney 2000 (8º), moita experiencia ás súas costas que confía en poder aproveitar nuns Xogos Paralímpicos que se disputarán entre o 24 de agosto e o 5 de setembro.

Antes de afrontar o desafío o deportista da Boa Vila recibiu os ánimos da cidade cunha recepción oficial no Concello de man do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e do edil de Deportes, Tino Fernández.

Ademais do recibimento, Juan Saavedra asinou un acordo de patrocinio e promoción de Pontevedra por representar á Boa Vila, do mesmo xeito que outros deportistas da cidade que estarán na cita olímpica como Javier Gómez Noya, Antía Jácome e Teresa Portela.