O Pontevedra CF certificou este domingo o seu ascenso a Primeira RFEF e, como é habitual, o seu adestrador Ángel Rodríguez compareceu en rolda de prensa despois do partido ante o Palencia Cristo.
"Se se deran circunstancias distintas veriamos un mellor Pontevedra", afirma o técnico. "Vimos de Pontevedra, desprázanse 200 afeccionados, debemos respectar un escudo, unha cidade e unha masa social que está connosco e o mínimo que podiamos facer era competir".
Deu minutos aos menos habituais e recoñece que "tamén se merecen xogar e que teñen posibilidades de competir", pero "cando o equipo vai ben, gana e segue sumando, os adestradores temos tendencia a ser continuistas e, neste caso, o último tramo da tempada foi moi bo, o equipo gañou moitos partidos e non tiña necesidade de facer cambios".
Por iso este domingo decidiu mover ficha, porque "sabía que podían facelo ben" e así foi, polo que admite estar "moi orgulloso".
Agora só pensa en descansar e gozar despois desta tempada tan "difícil e dura" na que o equipo cumpriu as expectativas facendo as cousas ben, porque "se non se implica o equipo e o vestiario durante todo o ano, dificilmente sairían as cousas".
Día de celebración tamén foi para o Palencia Atlético, que xogará a fase de ascenso a Primeira RFEF ao finalizar en quinta posición a liga regular.
O seu adestrador Rubén Gala admitiu estar "moi contento" e recoñeceu que "se creou un ambiente espectacular, agora temos que gozar do momento e mañá traballar outra vez".