Ángel Rodríguez: "Estes resultados fixéronnos pensar pero non desencoraxarnos"

Pontevedra
18 de febreiro 2022

O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo 20 de febreiro (18.00 horas) o Arenteiro no Carballiño nun duelo no que "debemos tentar sacar tres puntos para seguir na pelexa", recoñece o técnico granate, que recupera para a cita ao central David Soto

Ángel Rodriguez, adestrador do Pontevedra
Ángel Rodriguez, adestrador do Pontevedra / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol visita este domingo 20 de febreiro (18.00 horas) o Arenteiro no Carballiño nun duelo no que "debemos tentar sacar tres puntos para seguir na pelexa", recoñece Ángel Rodríguez.

O técnico recupera para a cita un dos seus homes fixos no once, o central David Soto, que "está dispoñible", confirma, mentres que con Samu Araújo "vai todo como debería" e "estamos a ver a posibilidade de que chegue a punto".

A presenza do lateral na lista será a principal incógnita dos granates, que queren deixar atrás as dúas últimas derrotas para volver ser o equipo contundente e dominador que afai. "Estes resultados fixéronnos pensar pero non desanimarnos para nada, o plantel está concienciado e enchufado", defende Rodríguez.

En fronte o cadro pontevedrés terá a un Arenteiro que a pesar da súa situación clasificatoria (ocupa posto de play-out con 25 puntos) encadea seis xornadas sen perder e reforzouse con futbolistas contrastados como o dianteiro Uxío da Pena ou os ex-granates Pol Bueso e Pibe.

"Sei como xogan ou como viñeron xogando estes últimos partidos, sei que melloraron moito, son un equipo moito máis compacto e máis difícil pero se somos un equipos que está ben, que ataca con orde e que defendo con orde somos un equipo moi complicado para o rival", analiza o adestrador dos de Pasarón aínda que poñendo o foco no que fagan os seus futbolistas.

Tampouco importa as características do terreos de xogo do Espiñedo ou a presión que adoita exercer o Arenteiro ante os seus afeccionados cun fútbol en ocasións moi directo, porque "dá igual que xoguen cun fútbol directo ou máis trenzado, ao final debemos ser nós os que impoñamos o ritmo de partido e sobre todo os que xoguemos con criterio cando teñamos o balón", sinala Ángel Rodríguez.

O preparador tamén valora a unha afección granate coa que "estou encantado" e que se mobilizará para a cita, tras esgotar as 150 entradas enviadas polo club ourensán ao Pontevedra. "O feito de que veña a xente connosco é un apoio máis, espero poder brindarlles unha vitoria", resumiu o técnico na súa habitual comparecencia dos venres ante os medios de comunicación.

O encontro do domingo será arbitrado polo asturiano Francisco García Riesgo, que xa coincidiu cos granates na primeira xornada da presente campaña no empate (1-1) fronte ao Compostela en Pasarón.