Días despois do anuncio da súa fichaxe, o novo adestrador do Pontevedra Club de Fútbol aterrou na Boa Vila.
Ángel Rodríguez pisou este luns por primeira vez o Estadio Municipal de Pasarón como técnico granate, e xa traballa en preparar os detalles para o inicio da pretempada, previsto para o vindeiro luns 26 de xullo.
O técnico leonés, que afronta con ilusión esta nova etapa tras o seu paso polo Langreo, aproveitou para coñecer nas súas primeiras horas na cidade as instalacións do club. Ademais entre os seus plans da semana está analizar os terreos de xogo dispoñibles para as seis semanas de preparación coas que conta o plantel antes de que de comezo a liga o 5 de setembro.
Unha vez confirmada a súa chegada, Rodríguez conta con voz nas xestións aínda abertas na confección do plantel, nas que traballa o director deportivo Toni Otero. Neste sentido cabe lembrar que o Pontevedra ten aínda dúas fichas sénior dispoñibles e outras tres sub-23, esperando poder cubrir estas últimas con xogadores da casa.
Segundo o declarado por Otero, os obxectivos antes do peche do mercado son a incorporación dun lateral esquerdo e dun centrocampista, tras a chegada dun especialista para a mediapunta como Alberto Rubio.
Sobre a mesa de Ángel Rodríguez están varias decisións a tomar durante a pretempada, especialmente no que respecta ao papel de varios canteiráns e de se terán oco no primeiro equipo. Un deles será Iñaki Martínez, tras renovar coa entidade, e outro Pablo López, de quen se espera poida cubrir un dos postos previsto no lateral zurdo.
Por último, outro dos aspectos para pechar será concretar o corpo técnico que lle acompañará na súa nova aventura. Serán homes da casa ao chegar o preparador sen acompañantes, nunha decisión da que se espera confirmación por parte do club nos próximos días.