Sénteno os afeccionados e tamén o primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol, que o duelo do próximo domingo (17.00 horas) fronte ao Ourense CF no Estadio Municipal de Pasarón "ten un pouquiño de sabor a final" polo ascenso.
Así o recoñeceu este mércores en rolda de prensa Ángel Bastos, como representante dun equipo granate ao que ve "ilusionado".
"Máis que presión eu creo que é ilusión porque vemos que temos o obxectivo preto, é un paso moi grande e dalo aquí en casa xéranos ilusión", asegura o futbolista de Mos.
"A diferenza será mínima entre os dous equipos, creo que vai ser un partido bonito. Hai que ser fortes de mente e este equipo creo que o é", defende Bastos.
Un derbi no que a afección pode xogar un papel fundamental. Así o ven tamén no plantel, e é que "o de Santiago para nós foi un anticipo. Creo que Pasarón vai estar precioso e tennos que axudar", sinalou o '2' granate agradecendo o apoio recibido a pasada xornada nas bancadas do Vero Boquete.
No que respecta ao partido en si, Ángel Bastos fixou como obxectivo "centrarnos en ser nós" achegándose así ao nivel e ao xogo que os levou a estar líderes a falta de só tres xornadas para o final da liga.