Andrea Andión e Izaskun Tellería dan o salto ao waterpolo portugués

Pontevedra
08 de setembro 2020

As xóvenes xogadoras pontevedresas, aínda en idade xuvenil e cadete, xogarán a próxima tempada no Paredes Polo Aquático, subcampión da liga de División de Honor portuguesa

Izaskun Tellería e Andrea Andión
Izaskun Tellería e Andrea Andión / Club Waterpolo Pontevedra

Dúas das xóvenes promesas do waterpolo pontevedrés cruzan a 'raia' na busca de gañar experiencia e de dar un salto competitivo en Portugal.

Andrea Andión e Izaskun Tellería, xogadoras canteirás do Waterpolo Pontevedra e aínda en idade xuvenil e cadete respectivamente, acaban de pechar a súa fichaxe polo subcampión da liga lusa de División de Honra, o Paredes Polo Aquático.

Os técnicos do club portugués, convidado en varias ocasións a torneos por parte do cadro pontevedrés ao manter unhas grandes relacións, mostraron hai meses o seu interese en contar coas dúas xogadoras de cara ao futuro.

Este interese redobrouse cando o Waterpolo Pontevedra renunciou á posibilidade de xogar a fase de ascenso a 1ª Nacional. 

No Paredes Polo Aquático tanto Andrea como Izaskun terán como obxectivo pelexar polo título de liga portugués, que daría acceso ao equipo para disputar a liga de Campións a nivel europeo.

A crise sanitaria, coa incerteza provocada sobre o futuro das competicións tanto en Galicia como en Portugal, atrasou o acordo coas xogadoras, pero finalmente avanzados os protocolos e calendario no país luso para o inicio da competición e ante a falta de calendario en Galicia decidiron probar experiencia no país veciño.

"Para o CW Pontevedra é un orgullo que nesta ocasión sexa a sección feminina do club a que vexa como dúas dos seus integrantes teñan a oportunidade de seguir crecendo e cumprindo etapas no mundo do  waterpolo", sinalou o club pontevedrés tras facer oficial a noticia, sinalando que para estas dúas canteirás a entidade "sempre será a súa casa".