A cidade romanesa de Pitesti será escenario desde este xoves 1 de agosto e ata o domingo día 4 do Campionato do Mundo Sprint de Piragüismo para as categorías Sub-23 e Júnior, e alí estará unha ampla representación galega e pontevedresa.
En total serán 19 os padexeiros galegos que competirán en Romanía, moitos deles de clubs da comarca, que xa puxeron rumbo a un campionato que reunirá a representantes de máis de 60 países.
A primeira en entrar en acción será Antía Otero (EP Ciudad de Pontevedra), que debutará no Mundial ás 8:06 horas do xoves no C-1 500 metros. Ademais a pontevedresa participará no C-2 500 xunto á súa compañeira de equipo Ángela Jorge, que á súa vez está inscrita no C-1 200.
Pola súa banda Valeria Oliveira (Breogán do Grove) participará no C-2 200 xunto a Antía Romero, do Piragüismo Rías Baixas.
Na canoa masculina Manuel Fontán ( Naútico O Muíño) será o representante no C-1 500 e tamén no C-4 500, no que tamén estará Martín Jácome (Ciudad de Pontevedra) dobrando proba co C-2, onde competirá xunto ao sevillano Cayetano García.
Polo que respecta á categoría Sub-23, o canoísta Noel Domínguez (Breogán) tomará parte no C-2 1.000 e o C-2 500 xunto a David Barreiro, do Náutico Rodeira, mentres que María Pérez (Náutico O Muíño) remará no C-2 500 e 200 metros xunto a Raquel Dacosta, do Club As Torres.
Ademais Iago Monteagudo (Club Naval de Pontevedra) estará presente no K-1 1.000 metros e no K-4 500 metros e Carolina García (Ciudad de Pontevedra) fará o propio no K-1 500 e o K-4 500 metros.