Álvaro Cortes: "O máximo que podemos darlle á afección é unha vitoria e o equipo vai ir a matar a por ela"

Pontevedra
19 de maio 2021

O porteiro Álvaro Cortés recolleu este mércores o premio a mellor xogador do mes de marzo en Pasarón, onde este domingo esperan conseguir a vitoria que evite o descenso do Pontevedra a 3ª RFEF

Álvaro Cortés, porteiro do Pontevedra, no partido de Copa do Rei contra o Cádiz
Álvaro Cortés, porteiro do Pontevedra, no partido de Copa do Rei contra o Cádiz / Mónica Patxot

O Pontevedra entregou este mércores o premio ao seu mellor xogador do mes de abril que, polos votos dos afeccionados, recaeu nas mans do gardameta Álvaro Cortés. "Sempre que recibes un premio individual é satisfactorio, pero isto é un deporte colectivo e o premio é tamén dos meus compañeiros", dixo o porteiro tras recibir o galardón nun acto en Pasarón no que aproveitou para repasar a actualidade do equipo.

"Quédanos unha final e temos que ir a matar a gañar. É o único que nos queda por dar unha pequena alegría á afección, que lla merece. O máximo que podemos darlle é unha vitoria o domingo e o equipo vai ir a matar a por ela", dixo o futbolista madrileño sobre o decisivo partido do domingo fronte ao Oviedo B no que o Pontevedra xógase evitar o descenso á quinta categoría do fútbol español. 

No vestiario están seguros de que van conseguilo. "O equipo de ánimos está ben, seguimos traballando ben", sinala o gardamallas, quen recoñece que "cada xogador está tocado porque loitar por isto é amolado, pero o equipo está unido, non hai reproches, somos un e remamos todos", subliña.

Para o último e transcendental partido da tempada o club lanzou unha promoción para tratar de atraer ao maior número de espectadores posibles a Pasarón e, a pesar do malestar da inchada, Cortés está convencido de que a afección apoiará ao equipo durante o noventa minutos de partido. "A afección que ten Pontevedra é tan boa que, aínda que se estea pelexando polo que se está pelexando, a xente levántase, anima... Sabemos e entendemos que para eles é duro, pero non estiven en ningún sitio no que indo mal as cousas a xente envórquese e estea contigo. Imos ir a gañar e creo que a entrada vai ser moi boa e a afección vai estar máis para axudar que para restar", sostén o porteiro. 

Para conseguir os tres puntos e evitar o descenso, o equipo ten claro que facer. "Portería cero e ser un bloque defensivamente. Eles demostráronnos na ida que nos concederon ocasións para gañar o partido e creo que aquí non vai ser diferente", afirma o xogador madrileño seguro de que o Pontevedra aproveitará as súas ocasións de gol para marcar e facerse co triunfo. 

Álvaro Cortés chegou no verán do 2020 a Pontevedra como un prometedor porteiro sub 23 cuxa función era facer competencia a Mario Fernández, que partía como gardameta titular. O cántabro foi o encargado de defender a portería do Pontevedra durante a primeira volta, pero tras a chegada de Luisito ao banco, a situación de Cortés cambiou e paso a converterse no cancerbeiro titular. "O porteiro é un posto particular. Sabemos que hai que estar preparado en calquera momento. Unha decisión técnica, unha lesión... Sabes que tes que estar aí. A nivel persoal estou moi contento por terminar a tempada xogando", recoñece o granate. 

As súas boas actuacións convertérono nun dos favoritos da inchada granate, pero coa tempada aínda no aire, Cortés prefire pospoñer a decisión sobre o seu futuro deportivo. "De futuro non quero saber nada de momento. Só conseguir o obxectivo, logo xa haberá tempo para sentar a falar e tomar decisións", alega.

"Se non nos estivésemos xogando nada podería responder, pero xogándonos a vida o que non quero é que me chegue información dun lado ou outro, quero estar no partido para gañar", sentenza. Da permanencia do equipo na 2ª RFEF poderá depender a continuidade de Álvaro Cortés na capital pontevedresa.