Álvaro Bustos queda en Pontevedra durante un ano máis

Pontevedra
14 de xullo 2019

O extremo esquerdo chegou a principios deste ano a Pontevedra cedido por Mallorca e quedarase nas filas granates durante unha tempada máis

Álvaro Bustos, no partido entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón
Álvaro Bustos, no partido entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón / Diego Torrado

A plantilla  do Pontevedra CF para a próxima tempada 2019/20 continúa tomando forma. A última novidade é a renovación de Álvaro Bustos, que este domingo asinou para quedar nas filas granates durante un ano máis.

O extremo esquerdo chegou a Pontevedra en calidade de cedido polo Mallorca o pasado mes de xaneiro, polo que xogou no equipo local durante seis meses. Esta fin de semana chegou a un acordo co equipo balear para rescindir, definitivamente, o seu contrato.

O xogador asturiano xogou, durante a súa primeira etapa no Pontevedra, un total de 12 partidos, nos que anotou 2 goles. 

Bustos convértese, así, na cuarta fichaxe do club pontevedrés, sumándose a Sa Ndiaye, Pol Bueso e Adighibe.