Sobre a bucina. O Pontevedra Club de Fútbol apurou ao máximo o prazo do mercado de fichaxes invernal, que pechaba ás 18:00 horas deste xoves.
O club granate fíxose coa cesión de Álvaro Bustos nunha operación a tres bandas que non se pechou ata o límite da hora, converténdose desta forma no segundo reforzo do equipo tras a chegada de Borja Domínguez.
Bustos, extremo asturiano de 23 anos, estaba a préstamo no Rayo Majadahonda da Segunda División, pero non contara con oportunidades na primeira volta da competición. Así, tras recibir propostas de varios equipos de Segunda B, terminou convencéndolle a opción do Pontevedra, que tivo que dirixirse ao seu club de orixe, o RCD Mallorca, para pechar a cesión.
O novo reforzo é un futbolista de banda, zurdo, pero que pode xogar a pé cambiado e que acumulou na súa carreira unha trintena de partidos na división de prata nacional entre Mirandés e Nàstic de Tarragona antes de recalar no Mallorca na Segunda B, logrando o ascenso a final da tempada pasada.
O que non se concretou finalmente é a chegada dun central, outra das opcións que barallaba a dirección deportiva no período de fichaxes, nin tampouco saídas máis aló da coñecida de Mouriño ao Rápido de Bouzas.