Alta demanda de entradas na Coruña para a última xornada ligueira en Pasarón

Pontevedra
16 de maio 2023

Segundo informou o Deportivo a última hora do luns, tras a primeira xornada de venda de entradas para o derbi, só quedaban nas súas oficinas 35 localidades dispoñibles

Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor
Partido de liga entre o Deportivo e o Pontevedra en Riazor / Mosrey Fotografía

A complicada situación que atravesa o Real Club Deportivo, coa praza de ascenso directo a Segunda División practicamente xa duera do seu alcance e cambio de adestrador a falta de dúas xornadas, non evitou que as entradas para o último partido da liga regular que xogarán ante o Pontevedra Club de Fútbol no Estadio Municipal de Pasarón (sábado 27, 19.30 horas) tivesen unha alta demanda na cidade herculina.

O cadro branquiazul xogarase previsiblemente ante un Pontevedra xa descendido con que posto accede ao play-off de ascenso.

Segundo informou o Deportivo a última hora do luns, tras a primeira xornada de venda de entradas para o derbi, só quedaban nas súas oficinas 35 localidades dispoñibles. 

Estas entradas correspondían ao paquete de 900 enviadas polo club granate ao seu veciño do norte, concretamente ás 460 que se poñían directamente á venda na sede do equipo coruñés. Ademais 360 entradas son xestionadas pola Federación de Penas e 80 máis llas reservou o Deportivo para compromisos institucionais e comerciais.

Este paquete de 900 entradas contan cun prezo reducido de 15 euros e son válidas para o Fondo Sur de Pasarón.

No que respecta ao resto de localidades, este luns activouse a venda en liña e nas oficinas de Pasarón só para abonados do Pontevedra, mentres que a partir do próximo venres 19 de maio calquera afeccionado poderá facerse con entradas para todas as bancadas a un prezo de 30 euros para Tribuna, 25 euros para Preferencia e 20 euros para ambos os dous fondos, tanto para o público adulto como para os menores de idade.