Pouco antes das oito da mañá deste xoves Alicia García chegaba ata a sede da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra para poder comprar algunha das 1.200 entradas que hoxe sairon á venda para poder asistir ao partido da Selección Española de futbol contra a de Italia que se disputará mañá venres en Pasarón.
Só venden dúas entradas por persoa, entre 10 e 15 euros, pero ela esperaba poder adquirir catro para ir cos seus sobriños. "Yo soy viuda, no tengo hijos y quiero venir con mis sobrinos".
Alicia levou algo de froita para comer e comentaba que a espera foi moi animada charlando co resto de persoas que se sumaron a esta cola ao longo da mañá ata o inicio do proceso de venda, ás catro da tarde.
Alicia é futboleira, "soy del Barça", e mostra a súa admiración polas campioas do mundo aínda que lamenta que este crecemento do fútbol feminino "me coge con muchos años ya", por iso non quere perder de ningunha maneira o partido da selección en Pasarón porque "este es un tren que sólo pasa una vez y hay que cogerlo".
Como non podía ser doutra maneira, as conversacións entre as numerosas persoas que fixeron cola viran ao redor da polémica venda de entradas por internet para ver este partido. Estaban tamén a esperar xogadoras de clubs de fútbol que quedaron sen entradas a pesar das que ofreceu a RFGF aos clubs.
A media mañá desde as oficinas da Federación sacaron á rúa algunhas cadeiras para facer menos dura a espera nunha mañá de frío e choiva, outros xa trouxeron as súas cadeiras de praia.
Antes de empezar a venda, ás catro da tarde, a ringleira de xente xa subía pola rúa Juan Bautista Andrade.