O Alicante acaba coa imbatibilidade do TM Monte Porreiro

Pontevedra
18 de novembro 2024

Primeira derrota da tempada do equipo pontevedrés na Superdivisión masculina de tenis de mesa. A pesar dela, mantéñense na terceira posición da táboa

Enfrontamento de Superdivisión entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea
Enfrontamento de Superdivisión entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea / Cristina Saiz

Á sétima chegou a primeira derrota da tempada do Tenis de Mesa Monte Porreiro na Superdivisión Masculina.

O conxunto pontevedrés, que levaba até a data unha serie de cinco vitorias e un empate, cedeu na súa visita ao Alicante TM (4-1).

A pesar de contar coa súa aliñación de gala con Miguel Ángel Vílchez, Martín Betancor e André Silva, o Visit Pontevedra sucumbiu nun enfrontamento máis disputado do que reflicte o marcador final, e é que dous dos encontros decidíronse en cinco mangas caendo do bando local.

O único partido decidido con claridade foi o primeiro, a derrota de Vílchez fronte ao alacantino Carlo Rossi.

Martín Betancor tampouco puido puntuar fronte a Patryk Zatówka, pero André Silva daba esperanzas de remontada poñendo o 2-1 momentáneo contra Diego Lillo.

Así se chegou aos dous últimos choques, nos que tanto Betancor como Miguel Ángel Vílchez caeron en cinco sets certificando a derrota pontevedresa.

A pesar deste resultado o TM Monte Porreiro mantense na parte alta da clasificación da máxima categoría, ao ser terceiro empatado agora con 11 puntos co propio Alicante TM e co líder Priego, aínda que este cun enfrontamento menos disputado.

Tras esta xornada a próxima data de competición non se disputará até o día 27 de novembro, coa visita ao Arteal compostelán, sexto clasificado.