Alexis Viéitez volveu a impoñer a súa lei na Subida a Pontevedra. O piloto de Poio foi o gran dominador da vixésima segunda edición desta proba deportiva, que por segundo ano consecutivo percorreu a estrada que conecta Bora e Carballedo. A xa tradicional cita reuniu a un total de 69 pilotos procedentes de diferentes zonas de Galicia.
O parque móbil da proba situouse, como é habitual, na praza de España, para que todo o que o desexase puidese coñecer aos corredores e ás diferentes escuadras, entre a que se atopaba, como non podía ser doutra forma, a encargada da organización: a escuadra Ciudad de Pontevedra.
Durante o primeiro día de competición, este sábado día 20, disputáronse as dúas primeiras mangas, ambas as dúas a partir das 16:00 horas e cun total de 3’5 quilómetros cada unha delas ao longo do río Almofrei. A xornada desenvolveuse sen problemas e un número importante de afeccionados asistiron ás zonas próximas á carreira para ser testemuñas da competición. Ademais, o bo tempo acompañou durante todo o desenvolvemento da mesma.
Viéitez (Buxa Motor Poio) impúxose nestas dúas primeiras mangas, marcando un mellor tempo de 1:33.433; por diante de Jacobo Senín (Outeda Racing) e Miguel Ángel García (O Convento Motosport).
O domingo non quedou atrás en canto a asistencia de público, que, a partir das 9:30, comezou a situarse nos puntos seguros con boa visibilidade para gozar do rally e dunha nova exhibición do piloto pontevedrés.
Nas dúas mangas disputadas este domingo, o Fórmula Dicode FR de Alexis Viéitez volveu marcar diferenzas, mellorando incluso os tempos do sábado. A suma dos seus dous mellores parciais, un tempo de 3:05.118, permitiulle facerse cun novo título nesta carreira.
A segunda praza foi para o Norma M20 FC de Jacobo Senín, que marcou o mellor tempo da competición con 1:32.264 na cuarta manga, quedando a pouco máis dun segundo da vitoria. O podio completouno o Silver EF10 de Miguel Ángel García, que quedou a case sete segundos do gañador.
Na categoría de carrozados, o triunfo foi para o Lamborghini Gallardo GT3 de Santiago Abad (Congrostra Team Sanxenxo) cun tempo de 3:26.802, seguido polo Peugeot 306 Maxi de Manuel Senra (Senra Sport) e o Porsche 911 GT3 de Víctor Maragriños (Integral Motosport).