Alexia Putellas non estará en Pasarón: cae da convocatoria da Selección por lesión

Pontevedra
27 de novembro 2023

A afección pontevedresa non poderá gozar en directo do dobre balón de ouro e unha das grandes referencias do fútbol español, Alexia Putellas, que abandonou a concentración da Selección iniciada este luns polos problemas físicos que leva arrastrando as últimas semanas

Alexia Putellas, á súa chegada á concentración da Selección Española
Alexia Putellas, á súa chegada á concentración da Selección Española / RFEF

A afección pontevedresa non poderá gozar en directo dunha das maiores figuras do fútbol feminino mundial, Alexia Putellas, que abandonou este luns poucas horas despois de iniciarse a concentración da Selección Española para os seus próximos compromisos oficiais, empezando polo do próximo venres 1 de decembro (21.30 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.

A dobre balón de ouro, do mesmo xeito que a súa compañeira no Barcelona Irene Paredes, acudiu á chamada da seleccionadora nacional a pesar dos problemas físicos que lle impediron competir nas últimas semanas. Chegaba xunto ao resto das súas compañeiras citadas na Ciudad del Fútbol de Las Rozas, pero no seu caso para pasar primeiro unha revisión médica e comprobar o seu estado.

Finalmente, para non correr riscos, Alexia terminou por abandonar a concentración. Era algo que se prevía, e de feito Montse Tomé chamara 25 xogadoras por ese motivo en lugar das 23 futbolistas permitidas. Segue pola contra Irene Paredes, que se está a recuperar dunha amigdalite e que polo momento traballará a menor ritmo.

O resto do equipo nacional, tras as primeiras horas de convivencia, tiña a última hora da tarde o seu primeiro adestramento na Ciudad del Fútbol nunha sesión aberta ao público.

Non será ata o xoves cando España poña rumbo a Pontevedra, onde ten previsto exercitarse na sesión oficial previa ao choque contra Italia ás 17.00 horas da tarde.

As campioas do mundo establecerán o seu cuartel xeral durante a súa estancia nas Rías Baixas na localidade de Sanxenxo, onde está previsto ademais un encontro con afeccionadas e afeccionados.