Álex Masogo, primeiro adeus oficial no Pontevedra: "Foi unha honra poder defender este escudo"

Pontevedra
30 de maio 2023

O futbolista madrileño, cedido polo CD Leganés, é o primeiro integrante do primeiro plantel granate en despedirse oficialmente do club e da afección pontevedresa

Álex Masogo, no partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón da segunda rolda da Copa do Rei
Álex Masogo, no partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón da segunda rolda da Copa do Rei / Cristina Saiz

Primeiras despedidas no Pontevedra Club de Fútbol, que se atopa estes días mantendo unha rolda de reunións cos futbolistas e corpo técnico do primeiro plantel para finiquitar a tempada e, nalgúns casos, empezar a falar do próximo curso.

Non é así no que respecta a Álex Masogo, primeiro xogador en despedirse oficialmente do club publicando unha mensaxe nas súas redes sociais.

A do centrocampista madrileño era unha saída esperada, e é que este ano competiu co club granate en calidade de cedido polo CD Leganés.

"Hoxe acaba a miña etapa no Pontevedra CF", comeza a despedida de Masogo, que "desafortunadamente non puidemos conseguir os obxectivos marcados, pero á vez estou convencido de que o club, a cidade e a súa afección volverán ao lugar que lle corresponde".

"Aínda que foi un ano complicado marcho coa satisfacción de telo dado todo no campo", asegura tras un ano no que sumou 669 minutos entre Liga e Copa do Rei participando en 18 partidos, 6 deles como titular.

Masogo agradeceu o trato recibido ao club, afección e aos seus compañeiros, en especial a un Charles ao que cualifica de "gran xogador, gran persoa e unha referencia indiscutible tanto dentro como fóra do campo".

"Foi unha honra poder defender este escudo", conclúe o primeiro comunicado feito público por un futbolista do primeiro plantel, aínda que tras o descenso de categoría non será o único que fará as maletas e abandondará este verán o Estadio Municipal de Pasarón.