O Pontevedra Club de Fútbol e Álex González seguirán xuntos polo menos unha tempada máis.
O club granate confirmou este xoves a renovación por un ano do seu capitán, que afrontará desta forma o seu noveno curso consecutivo no Estadio Municipal de Pasarón.
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) June 20, 2024
A piques de cumprir os 35 anos, o desexo do cántabro e o do Pontevedra era o mesmo, o de prolongar a súa vinculación. Non se contemplaba a opción da súa saída, polo que o acordo semellaba cuestión de tempo, terminando por cristalizar como primeira renovación máis aló das prórrogas automáticas de contrato no caso de Churre e de Borja Domínguez.
Coa súa continuidade Álex González vai camiño de convertise nun dos futbolistas que defendeu a camiseta do Pontevedra nun maior número de ocasións, e é que só entre Liga, Copa do Rei e o tramo nacional de Copa Federación suma xa 272 partidos de granate.
Na campaña recentemente finalizada participou de feito en 25 partidos, 20 deles como titular nos postos de extremo e de lateral zurdo, nos que anotou seis tantos.
Coa renovación do capitán son xa dez os futbolistas confirmados para a próxima tempada, xunto a Edu Sousa, Manu Vizoso, Garay, Samu Mayo, Dalisson, Chiqui, Charly López, Churre e Borja Domínguez.