Álex Fernández: "Acabar así é apoteósico, en Pasarón sempre aparecen esas pantasmas a favor"

Pontevedra
09 de setembro 2019

O mediocentro ourensán certificou a remontada do Pontevedra fronte ao Sporting B o pasado domingo en Pasarón cun gol de falta directa no minuto 96 que fixo estalar de xúbilo á afección

Partido de liga entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón / Diego Torrado

Cumpre a súa quinta tempada como granate nas que experimentou case todas sensacións do fútbol. Atravesou refachos de partidos como titular indiscutible con outras nas que pasou máis tempo, por lesión ou decisión técnica, no banco que sobre o verde. Pero ser o heroe dunha remontada épica era algo que Álex Fernández non vivira aínda en Pasarón. Ata o domingo. Porque o balón que saíu despedido da súa perna dereita sacou as telarañas da portería do Fondo Norte, certificou a vitoria dos seus, fixo estalar de xúbilo aos máis de 2.000 afeccionados que dez minutos antes asistían atónitos á segunda inexplicable derrota consecutiva do seu equipo e elevou ao Olimpo dos ídolos da afección do Pontevedra ao mediocentro ourensán.

"Acabar así é apoteósico, en Pasarón sempre aparecen esas pantasmas a favor", revive Fernández as sensacións que tivo ao ver como se coaba o balón no fondo da portería. "Viviuse con moita emoción e foi bonito polo traballo de todo o equipo. Queriamos quitarnos a espiña de Ferrol, o equipo estivo excepcional e perder o partido era un mazazo bastante grande", recoñece o futbolista.

Álex Fernández foxe do protagonismo. Pouco lle interesa que a afección o haxa sinalado como un dos motores da reacción do equipo na Malata e que durante toda a semana reclamase a súa presenza no once inicial. "Eu estou sempre disposto a axudar ao equipo", dixo sobre o doce momento que atravesa en Pontevedra. Ao que non é alleo é á admiración que lle ten a súa inchada. "Estou moi a gusto en Pontevedra e co agarimo da afección, é como a miña casa", agradece.

En relación ao desenvolvemento do partido, o granate recoñece que o xogo do equipo no segundo tempo non foi tan brillante como a bancada esperaba. "A nivel colectivo viñamos dun esforzo moi grande para superar o mazazo do gol. Ese esforzo notouse na segunda parte, pero nos quince ultimos minutos tivemos forzas para dar ese arreón final e remontar", detalla Fernández.

Entre o cansacio e a euforia por conseguir ese tanto tan especial, admite o centrocampista que "cada un reacciona de forma diferente ao cansazo, pero si que custa conciliar o soño despois dun partido así". Un contratempo que, a recado, non lle importaría volver sufrir a cambio de volver vestirse de heroe noutro partido.